Trombón

Trombón. 
Nome. Castelán: trombón. Italiano: trombone. Francés: trombone. Inglés: trombone. Alemán: posaune.
Familia. Vento metal.
Como é? O trombón de varas é de metal. Consiste nun tubo enrolado sobre si mesmo e a vara.
Dispón dunha sección móbil que se despraza, entrando e saíndo do instrumento. Segundo sexa a posición desta vara (hai sete distintas posicións) distinto será o ton en que se produza o son, tamén influirá a presión de aire que realice o músico na boquilla.
Como produce o son? O son prodúcese grazas á vibración dos beizos do intérprete na parte denominada boquilla a partir da columna do aire (fluxo do aire). As diferentes notas obtéñense polo movemento dun tubo móbil, denominado vara, alargando a distancia que o aire en vibración debe percorrer, producindo deste xeito sons que tamén se poden controlar cunha maior ou menor presión do aire soprado polo intérprete na vara, máis se alarga a columna de aire e o son producido é máis grave.
Historia.O trombón provén da trompeta primitiva importada de Exipto, que se construía de cobre ou prata, e máis tarde na Idade Media, de auricalco (aliaxe semellante ao bronce), de onde se orixinou o nome xenérico de Oricalcos, dado entón aos instrumentos metálicos de boquilla.
A antiga trompeta era de forma recta ; no seu extremo superior ensanchábase en forma de campás, a miúdo representando a cabeza dun animal. Sufriu diversas transformacións, e é dela, e particularmente da "buccina" (chamada Bausaun no século XVI), que Riemann deriva o nome en alemán do trombón : "posaune"
Por un cadro do Perugino, conservado no Escorial, pode establecerse que o trombón a vara era utilizado cara a fins do século XV. De calquera modo non se posúen datos da familia completa do trombón, senón a partir do século XVI.
O "sacabuche", chamado en italiano "tromba spezzata", en alemán "zug-posaune", en inglés "sackbut", e en francés "trombone a coulisse", foi o primeiro instrumento de cobre que, mediante a vara móbil, dispuxo dos armónicos nas sete posicións, e por conseguinte da escala cromática, tal como os actuais instrumentos a mecanismo, polo cal foi considerado como o máis perfecto instrumento de boquilla. Nese instrumento, colocando a vara en sete puntos diferentes, ou "posicións", segundo a orde da escala cromática descendente, obtéñense os sons armónicos correspondentes a cada unha das sete lonxitudes asumidas pola vara.
Durante a época barroca e clásica empregábase na música relixiosa. Hoxe é un instrumento da orquestra sinfónia e emprégase nas bandas e nos grupos de jazz. O seu aspecto externo cambiou pouco dende o século XV.
Curiosidades. É o único instrumento que ten unha vara móbil.
Grandes obras:
Haendel: Marcha Fúnebre de Saúl.
Gluck: Escena das Furias de Orfeo.
Mozart: Tuba mirum do Réquiem.
Berlioz: Hostias do Réquiem.
Wagner: Lohengrin.
Ravel: Bolero.
Stravinski: Octeto para ventos.
Hindemith: Concerto para piano, metais e arpa.
Poulenc: Sonata para trompa, trompeta e trombón.
Audición:

Partes dun trombón
E... aínda máis sobre o trombón:

   Como se fai un trombón?  Todo o proceso para construír un trombón. Paréceche interesante?. Pois preme para velo.  
  
Preme aquí para ver unha lámina explicativa sobre o trombón.

Move o trombón virtual.
.....................................

# Se chegaches ata aquí fixeches méritos suficientes para un premio. Sorpréndete con esta interpretación onde un so músico toca dous trombóns e dúas trompetas.