Organistrum

 Organistrum. 
Familia. Corda fretada
Como é?. É un instrumento de gran tamaño. Os seus elementos principais son: caixa de resonancia (con forma de 8 con escotaduras, normalmente ten ambas as tapas planas nos modelos máis primitivos), cordas (os modelos máis antigos utilizaban dúas cordas. Os máis comúns (do século XII) dispuñan de tres cordas: unha melódica ou cantante e dous drones colocados sobre unha ponte común, coas que se obtiñan simultaneamente a melodía principal coas dúas voces acompañantes. Os drones producían un son grave e profundo), manivela, cordal, ponte, roda (innovación mecánica introducida nos instrumentos musicais medievais. Xira mediante a acción dunha manivela e freta as cordas, xerando un son continuo), teclado (O organistrum que aparece representado no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela ten doce teclas), caravilleiro, mastro e cella.
Organistrum
Como produce o son? O son prodúcese cando son fretadas as tres cordas que están no interior do instrumento por unha roda de madeira impregnada de resina accionada por unha manivela do extremo oposto ao caravilleiro. O son que xenera é continuo. Dado o seu tamaño, era necesaria a intervención de dous músicos, que o suxeitaban sobre as súas pernas.
Historia. O organistrum aparece en Europa no século XII; aínda que algúns musicólogos consideran que xa existía no século X. En canto a súa orixe pode ser árabe ou mesmo máis antiga: exipcia.
Debido á súa complexidade mecánica e dificultade de execución, foi considerado o instrumento musical culto por excelencia de ampla difusión na contorna relixiosa da época medieval, como o demostra o feito de que aparece representado en multitude de manuscritos e nas catedrais románicas máis importantes da época.
Ao longo do século XIII evoluciona facéndose máis pequeno e manexable por unha soa persoa, co que comeza a utilizarse tamén no ámbito profano. Un menor tamaño e peso facilitaba o transporte e o teclado pasou a utilizar teclas pulsadas, en lugar das de tracción.
Ao evolucionar orixina dous instrumentos: a "viola de roda" (contiña a caixa de resonancia, roda e manivela; pero non teclado) e a "sinfonía" (forma rectangular, contiña o teclado, a roda e a súa manivela). Ete último instrumento considérase o antecesor directo da zanfona.
Curiosidades. A palabra organistrum é unha contracción dos termos latinos "órganum" (unha das primeiras formas musicais contrapuntísticas da historia), e " instrumentum" (instrumento).

Audición:

Partes dun organistrum